Sunday 12 de May de 2024

Máis de 500 persoas participaron este verán nas actividades do programa medioambiental “Eu quero Razo-Baldaio”


O programa sumouse á conmemoración do Ano do Xestal cunha escultura de madeira tallada con motoserra

Un total de 527 persoas participaron este verán nas actividades do programa medioambiental Eu quero Razo-Baldaio, organizado pola Concellaría de Medio Ambiente coa colaboración de entidades como a Asociación Ambiental Senda Nova, a Asociación para a defensa ecoloxica de Galiza (Adega), o Grupo Naturalista Hábitat, a Asociación Astronómica IO, a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma), Balonmán Xiria, Ecovidrio e Gadis.

Na maior parte das iniciativas foi preciso ampliar o límite de participantes, e aínda así quedaron escasas en boa parte delas. Un ano máis trunfaron as actividades nocturnas, como a noite das avelaíñas, á ruta ata a Eira das Meigas ou a noite astronómica. A estas propostas, que xa se levaron a cabo tamén en edicións anteriores, sumouse nesta ocasión a ruta a pé de Carballo a Razo polas sendas do proxecto Cicl-Ando Carballo, que reuniu a 116 persoas.

Aínda que o tempo non acompañou, tamén foi numerosa a participación na Festa da Praia, unha actividade de ocio familiar que pretendemos potenciar e mesmo estender a outros puntos do litoral.

Ademais das 14 actividades grupais incluídas no programa, este ano tamén contamos co artesán Fabián Lage para acometer a restauración das esculturas da píllara de Razo, o arroaz da Pedra do Sal e a nebria das praias do Castrillón, todas elas elaboradas nos últimos anos reciclando distintos materiais. E ademais tivemos traballando en Razo a Yosi Fervenza coa súa motoserra para tallar unha escultura de madeira de Carlos O Xestal, unha homenaxe máis neste Ano do Xestal. Unha vez rematada, a Concellaría de Participación Veciñal, coa colaoración do movemento asociativo da parroquia de Lema, trasladou a figura ao centro social de Centeás, no que foi inaugurada cun emotivo e concorrido acto de recoñecemento ao gran artista e humorista que viviu durante anos nesta parroquia.